viernes, 1 de junio de 2007

O Colexio de Farmacia San Fernando de Madrid.

Unha vez obtido o título de Bacharel en Valladolid en 1827, Casares continuará a súa formación académica no Colexio de Farmacia San Fernando de Madrid.

Este Colexio, xunto cos de Barcelona, Santiago e Sevilla, nacen como resultado da reorganización do estudios de Farmacia realizada a partir de 1800. En particular, o estatuto que recolle a constitución do Colexio de Madrid aparece recollida na Concordia y Reales Ordenanzas para el régimen y gobierno de la facultad de Farmacia”, quedando inaugurado o Real Colexio de Farmacia de San Fernando en 1804. Establécese que nel debería haber dous Catedráticos e dous axudantes, que se ocuparían das materias "Historia Natural", "Química" e "Farmacia Práctica".

A primeira sé que tivo o Colexio estivo situada na rúa do Barco; nela permaneceu ata 1830, en que se produce o seu traslado ó número 11 da rúa de San Juan, actualmente rúa da Farmacia. Por tanto, neses dous lugares sitúanse os pasos de Casares como estudiante de Farmacia.

Entre as súas instalacións, existía un xardín botánico, un laboratorio para o ensino da Química, con aparatos e materiais que se enriquecerán dos procedentes dos clausurados[1] colexios de Sevilla e Santiago e do antiguo Laboratorio de Química que dirixira Louis Proust, e unha biblioteca composta por 1.750 libros, herdanza da ciencia ilustrada.

Despois dunha breve actividade durante os años que precederon á Guerra da Independencia, tanto o Colexio de San Fernando de Madrid como os que se estableceron en Barcelona, Sevilla e Santiago, comenzaron definitivamente a súa andaina en 1815.

Os primeros anos de ensino son herdeiros do espíritu da reforma ilustrada en materia científica. Pedro Gutiérrez Bueno incorpórase o Colexio, como director y profesor de Química, ó principio do seu funcionamento. Como xa foi citado, é autor ou traductor de varios libros de gran interese:

“Nomenclatura Química”. Madrid. 1801.

“Práctica del curso de Química”. Madrid. 1803.

“Prontuario de química, farmacia y materia médica”. Madrid. 1815.

Ademais, estiveron como textos obrigatorios relacionados co estudio da Química, durante os anos de vida do Colexio: o “Tratado elemental de Química” de Lavoisier, Elementos de Farmacia” de Francisco Carbonell, o Diccionario elemental” de Hernández de Gregorio, Elementos de Química Médica”[2] de Mateo Orfila e a Nueva nomenclatura”[3] de Conventou.

Compre sinalar que foi Catedrático do Colexio o farmacéutico Antonio Moreno y Ruíz que deixaría unha grande impronta en Casares, e que quizais o nome que lle deu ó mineral “morenosita” puidese ser en honra deste profesor.

As ensinanzas no Colexio de Farmacia de Madrid non variaron[4] substancialmente desde os seus comezos ata a súa conversión a Facultade de Farmacia, polo que a partir do que vimos de apuntar, temos unha aproximación bastante exacta do ensino que en relación á Química tivo que recibir Casares. Podemos repetir, pero con máis fundamento, o mesmo que indicamos respecto os seus estudios en Valladolid.



[1]Despois de que as actividades dos Colexios de Farmacia estiveran suspendidas durante o Trienio Liberal, soamente foron reiniciadas nos Colexios de Madrid e Barcelona unha vez reimplantado o Absolutismo.

[2]ORFILA, M.P. (1818). “Elementos de Química Médica con aplicaciones a ka Farmacia y a las Artes”. Traducido del francés por el mismo autor. Madrid.

[3]CAVENTOU, J. B. (1818). “Nueva nomenclatura química segun la clasificacion adoptada por Mr. Thenard”. Traducido y aumentado con algunos nombres por el Dr. D. Higinio Antonio Lorente. Madrid.

[4]HISTORIA DE LA UNIVERSIDAD. Universidad Complutense de Madrid. (http://www.ucm.es).

USC: os Exames e os Graos


.- Exames de Gramática.


Para admitir alumnos para o estudio da Gramática, había un exame público no que o alumno debía manifestar "su instrucción y suficiencia en leer con sentido, escribir, las cuatro reglas fundamentales de la Aritmética, y la Doctrina Cristiana".
Para acceder dende Gramática a Artes e Filosofía, o alumno debía realizar catro exames: o de ingreso, o de Gramática de menores que o capacitaba para pasar a Medianos, o exame de Medianos para pasar á cátedra de latinidade e, finalmente, o exame de latinidade e da "propiedad de la lengua castellana.

.- Os outros exames.

Ata o plan de 1824 as materias que constituían o cursus da facultade non era obxecto de exame. Sen embargo, si había exame para as materias complementarias como Matemáticas ou Fïsica Experimental. Para examinarse do grao de bacharel, o alumno tiña que acreditar ter asistido ás clases durante os anos que duraba o cursus da facultade e máis ter aprobado os exames das complementarias.
A partir de 1824 (Plan Colomarde), aparecen xa exames anuais para tódalas materias ademáis da xa referida acreditación de asistencia. Prodúcese, pois, un cambio no que a valoración das asignaturas van gañando en importancia.

.- As Academias.

Por cada facultade había unha academia presidida por un moderante que era un doutor ou licenciado que tivera aprobado algunha oposición e aínda non obtivera praza. Estas academias, que celebrabran sesión os domingos durante dúas horas e media, naceran coa intención de que os alumnos tivesen contacto experimental con cuestións relativas aos seus estudos. Nestes actos un alumno defendía un tema que lle tocara en sorte, e outros dous alumnos tentaban rexeitar as teses do primeiro. Non obstante, estas sesións acabaron converténdose nunha rutina na que os alumnos previamente pactaban as súas actuacións.

.- Os Graos.

O grao de bacharel era esixido para acceder ás chamadas facultades maiores (Teoloxía, Leis, Cánones e Medicina), pero ademáis comportaba unha serie de privilexios como pode presentarse a oposicións, substitucións na Universidade, etc. Co plan Colomarde, o sistema para obter este grao en Artes ou Filosofía consistía nun exame oral diante dun tribunal de tres catedráticos, que versaba sobre contidos estudados nos tres anos anteriores. Para os alumnos máis destacados podíase celebrar o chamado "exame a claustro pleno" o que constaba no curriculum do alumnos.

O exame de licenciado consistía en tres exercicios. No primeiro o alumnos sometíase a exame oral que doutores e catedráticos da súa facultade quisexen realizar. No segundo exercicio, o alumno tiña que expoñer durante unha hora unha proposición que lle tocara en sorte de entre catrocentas sobre contidos de tódalas materias. Rematada a exposición sometíase a un turno de preguntas realizadas por un alumno bacharel de últimos cursos elexido polo rector e posteriormente ás realizadas por dous catedráticos ou doutores da facultade. O terceiro exercicio consistía na defensa dun tema que lle era encargado con vintecatro horas de antelación e que o alumno tiña que preparar de xeito illado na biblioteca ou en nun anexo a ela. Despois da lectura do seu traballo tiña que respostar ás preguntas que lle fisexen catros examinadores sacados ao chou. Como se ve, tratábase dun exame duro e extenso, pero que na práctica adoitaba ser menos difícil.

Para obter o grao de doutor, o licenciado tiña que que defender unha proposición diante de dous alumnos e o rector (ou catedrático que o representase). A partir de 1824 os custosos fastos que tradicionalmente acompañaban á obtención deste grao desapareceron.

jueves, 31 de mayo de 2007

Actividade investigadora

A súa actividade investigadora non foi menor que a académica. A cantidade e a calidade dos seus traballos científicos, as traduccións de libros de textos e mesmo os seus manuais sitúano como unha das figuras máis sobranceiras da ciencia española do S.XIX.

Non pretendemos aquí, facer unha relación completa que pode ser atopada no estudio de MAIZ ELEIZEGUI (1952) xa referenciado con anterioridade. Faremos mención dun numero suficiente de traballos de Casares que poñen de manifesto a súa categoría científica.

Traballo científicos.

Entre os seus traballos científicos destacan polo seu número, e pola súa importancia, os relativos á análise de metais en augas. Esta inclinación é, sen dúbida algunha, froito da época na que os químicos inorgánicos dedicábanse de forma predominante a coñecer a constitución da materia.

Nesta liña, seleccionou as augas de Galicia para estudiar a súa composición, coa finalidade de coñecer as súas virtudes terapéuticas. Este interese provén da tradición que xa había na universidade compostelá, sendo Fernando de Oxea e Pedro Gómez de Bedoya dous claros expoñentes neste campo no século XVIII[1]. A primeira análise realizada, e presentada en 1837 na Sociedade Económica dos Amigos do Pais, foi a das augas de Caldas de Reis e Cuntis. Non menos de sete traballos publicados ten sobre augas de moitos dos mananciais galegos: Arteixo, Carballo, Mondariz, A Toxa, Sousas, Caldeliñas, etc.

O seu prestixio era tan grande que moitas zonas de España (Azuage, Gran Canaria, Loeches, Zamora, Rivadelago…) solicitaron os seus servicios como destacada autoridade neste campo. As súas publicacións nesta área poden aínda hoxe seren lidas na revista “Restaurador Farmacéutico”.

No campo da espectroscopía pasa por ser o creador desta rama da análise en España. O seu traballo sobre o descubrimento dos metais Rubidio e Cesio en augas minerais foi un fito importante na ciencia española. Este traballo é posiblemente de 1864 (saíu en 1866 na Revista del Progreso de la Ciencias, que era de comportamento irregular nas súas saídas), e tendo en conta que Bunsen e Kirchoff inventan a técnica de espectroscopía en 1859, é clara a prontitude con que se fai cun espectroscopio e domina a súa técnica. Este espectroscopio aínda se conserva no museo de Farmacia[2], pero pertence ó Departamento de Química Analítica da Facultade de Química da Universidade de Santiago, onde o profesor Bermejo Martínez o restaurou e utilizou durante o século XX.

Publicou asemade traballos de interese industrial tal como o “Informe acerca del modo de descubrir la adulteración de los vinos pola Fuchsina”[3].

En mineraloxía hai que destacar o descubrimento de dous novos minerais. A morenosita[4] foi descuberta por Casares en 1850, xunto co zaratita[5], presentados nun traballo publicado polo mineraloxista español Agustín Martínez Alcíbar[6]. Atopáronse por primeira vez nos cantís do Cabo Ortegal (A Coruña).

Na memoria enviada por el á Academia de Ciencias sinala[7]:

En el tratado de mineralogía de Dufrenoy, en las obras de Hoffman, Haüy y Beudant no se hace mención de estas especies de mineral de nickel, por lo que creo que son enteramente nuevas, y si la academia me lo permite darlas nombre, denominaría a la primera Zaratita y a la segunda Morenosita, dedicándolas a los señores, Gil y Zárate y Moreno”.

Hai que indicar que actualmente a zaratita non se admite como especie mineral propiamente dita[8].

A importancia dos descubrimentos de Casares no campo da xeoloxía aínda son obxecto de loanza hoxe en día, como se pon de manifesto nas seguintes palabras de Ángel La Iglesia[9]:

“Tal vez si hoy alguien prestara tanta atención como aquel estudioso, Casares, se podrían hallar nuevos tipos”.[10]

Compre tamén destacar algúns interesantes traballos médicos, que serán posteriormente comentados con máis profundidade, como os seus famosos experimentos con cloroformo ou o primeiro traballo publicado sobre a utilidade das fumigacións cloradas como método para evitar o cólera publicado en colaboración con Xosé Faríña.

Foi un dos tres especialistas (os outros dous foron Francisco Freire Barreiro e Timoteo Sánchez Freire, catedráticos de Medicina e Cirurxía, respectivamente) quen a petición do cardeal Miguel Payá y Rico, dictaminaron sobre se os restos descubertos no subsolo da catedral compostelá en 1879 correspondían ós do apóstolo Santiago e dous dos seus discípulos[11]. Estes restos foran agachados en 1589 para evitar que caeran en mans de Francis Drake e as súas tropas.

Traballos pedagóxicos.

Hai que dicir que, a finais do S.XVIII, na Universidade de Santiago os libros relacionados coa Química eran, fundamentalmente, de procedencia francesa. Personaxes como o médico Francisco Neira[12] o ou químico Gabriel Fernández Taboada, discípulo de Proust, eran firmes defensores da Química de Lavoisier. Este é o contexto no que se vai formar Casares como profesor e como educador. Neste proceso de aprendizaxe non deixa de ler tódolos libros dos que pode dispoñer, e aínda que non se sabe con exactitude cal eran as súas lecturas preferidas, sabemos que tamén lía os libros de orixe xermánica de Berzelius, Liebig, Fresenius ou Hofmann, e que estaba ó día do que se publicaba nas máis reputadas revistas procedentes de diferentes academias de ciencia europeas.

O profesor Casares foi un gran profesional da Docencia, actividade a que dedicou a súa vida compartíndoa coa Investigación.

A extraordinaria calidade docente do Profesor Casares xa foi comentada con anterioridade, pero queda tamén claramente posta de manifesto na testemuña de Xosé Rodríguez Carracido, cando fala do seu primeiro curso na Facultade de Farmacia:

“Las cátedras de Física y de Historia Natural, no obstante el gusto que yo sentía por el objeto de sus enseñanzas, no me dejaron recuerdo digno de mención pero no así la de Química, que desempeñada por el reputadísimo maestro D. Antonio Casares, interesaba a los alumnos hasta el extremo de que algunos días se recibía el anuncio de la hora de salida como una interrupción molesta. Era tan sugestiva su palabra realzada por la viveza del gesto, y tan abundante y variada la demostración experimental en sus lecciones, que todos estábamos suspensos por la fuerza didáctica de quien lograba captar la atención del juvenil auditorio siempre rebelde a fijarla. El sistema de su curso era algo anticuado pero la sustancia fundamental de los hechos era tan claramente expuesta, excitando la curiosidad de los que se iniciaban en el conocimiento de las transformaciones de la materia que, atractiva por su función docente difundía la importancia, no reconocida entonces de los estudios químicos.[13]

A súa metodoloxía práctica xa a puxera de manifesto na cátedra de Física e Química aplicada ás Artes, no Conservatorio de Artes, dependente da Sociedad Económica de Amigos del País (1836). E, posteriormente, nos seus programas de Historia Natural (1840-45), nos que diferenciaba a parte práctica, elemento novidoso para a época. Nas súas probas de cualificación dos alumnos establecía partes orais, escritas e prácticas. Observación, manipulacións, e saídas ao campo, formaban parte da súa metodoloxía empregada cos alumnos. Introduciría a cristalografía, como outro contido novidoso do seu programa. Tamén daba nocións de taxidermia, herborización, coleccionismo... Noutras disciplinas nas que posteriormente impartiría docencia –indistintamente, nas Facultades de Farmacia, Medicina e Ciencias-, seguiría coas mesmas formulacións prácticas e experimentais. En definitiva, sería o máis importante promotor de infraestructura pedagóxica que tivo a Universidade de Santiago, con carácter práctico e experimental, durante o século XIX, e o principal usuario dela con fins didácticos[14].

Preocupado por acadar unha mellor calidade na súa docencia decatouse da necesidade que tiñan os seus alumnos de dispor dalgún manual. Unha parte importante da súa actividade docente centrouse na obtención de manuais que poidesen ser utilizados polos seus alumnos.

Nunca primeira etapa dedicouse á traducción de libros de texto de Lavoisier[15] “Traité élèmentaire de Chemie” (1789) e mesmo o famoso libro de Carl Remigius Fresenius “Anleitung zur qualitativen chemische analyse” (1841). Casares utilizou o dominio das linguas que tiña para realizar a traducción dunha serie de obras de gran utilidade para os seus alumnos, discípulos e colegas doutras universidades. O primeiro libro que traduciu foi a química de J.J. Berzelius; posteriormente, no 1848, traduciu a obra do francés Eugéne Soubeiran “Traité de pharmacie teorique e practique”. Finalmente realizou a traducción do libro de Gautier de Cloubry “Traité de Chimie legale”. En tódolos libros non se limitou a facer o simple traballo de traductor, senón que, como especialista no tema, facía aclaracións de pé de páxina enriquecendo as traduccións cos seus coñecementos[16].

Logo de facer estas traduccións e cando os seu nivel de preparación lle pareceu óptimo dedicouse a escribir os seus propios textos. O primeiro libro que edita é do ano 1848 e o titula “Tratado de Química”. Sofre diferentes edicións xa co título desde 1857 de “Manual de Química general con aplicaciones a la industria y en especial a la agricultura”, sendo a derradeira edición a de 1880. Esta obra orixinou un enorme impacto na universidade española empregándose como texto oficial en moitos centros durante case que corenta anos con sucesivas edicións correxidas. O libro é un modelo de claridade e as teorías de Berzelius, Dumas, Gerarth, Dalton, etc., aparecen presentadas con tal claridade e simplicidade que era posible comprender para todo o mundo o estado na ciencia nesa época[17]. Dedica especial énfase a aplicación práctica destas ideas incidindo na importancia industrial e as aplicacións na agricultura. Na obra descríbense procedementos de análise como: alcalimetría e clorometrías aplicadas a industria. Describe e ensina o manexo de material de laboratorio: pipetas, vasos, bureta, etc. Describe o método de determinación de prata nunha aliaxe, tanto por vía seca como por vía húmida. Ensina como se poden realizar deposicións electrolíticas: dourado, prateado… Moitas outras importantes e variadas aplicacións da teoría química atópanse nesta importante obra.

No ano 1851 realiza unha segunda e importante publicación, o chamado “Programa de Química General”. Este programa foise reeditando constantemente e hoxe é posible coñecer como era o programa que impartía no ano 1883. Constaba de 73 leccións con capítulos dedicados ó estudio e aplicación dos elementos químicos. Os compostos a que, estes, poden lugar e as súas aplicacións, capítulos dedicados á análise de augas, do aire, etc; estudios de análise elemental orgánico (determinación de C, H e N); ensaios de distintos elementos químicos (como o As polo método de Marsch). Ten un capítulo dedicado á espectroscopía de Bunsen resaltando a súa importancia no recoñecemento dos metais alcalinos (probablemente sexa o primeiro autor español que dedica un tema á análise instrumental). Queda claro con esta aproximación o alto nivel que tiña o programa de Química do profesor Casares.

De gran importancia é unha obra publicada en 1866 e que ven ser o resultado da enorme cantidade de información recollida logo de ter investigado a composición das augas mineiro medicinais de case que de toda España. O libro titúlase “Tratado práctico de análisis químico de las aguas minerales y potables” e consta de dúas partes. Así dedica por primeira vez un capítulo a falar da análise espectral, describe o espectrógrafo de Bunsen e Kirchoff sinalando a súa utilidade na identificación de Na, K, Rb, Cs e Ca. Este libro é dunha enorme utilidade práctica pois nel indícanse as mais importantes fontes medicinais de España, a súa composición, as enfermidades nas que se recomenda a súa utilización, o número de enfermos que se benefician anualmente do seu uso, etc. Fai unha clasificación das augas en función da súa composición e di que hai augas: sulfurosas, carbonatadas, ferruxinosas, líticas, etc. Explica por medio de exemplos prácticos como proceder para determinar a presencia de certos metais e cales son, na súa opinión os mellores métodos de análise. Nesta liña, no prólogo da súa obra di:

“Inútil es advertir que las obras de Henry, Lefort, Rose, Fresenius y los trabajos de Liebig, Fontan, Anglada, Filhol, Dupasquier y otros me han suministrado los materiales para este trabajo; yo no hago más que coordinarlos según mi plan y elegir cuando hay varios caminos para llegar a un punto, el que me parece más fácil y seguro”[18].

Tamén se ten comentado o interese de Casares pola divulgación e popularización da ciencia. Así, despois da Exposición Universal de Londres (1851), a Sociedade Económica de Amigos del pais de Santiago, liderada por Casares, organizaría en 1858 a Exposición Regional[19] en Santiago, á que continuarían outras en Lugo (1867, 1877 e 1896).

Casares e o Gabinete de Historia Natural.[20]

Como xa foi comentado con anterioridade, a carreira docente de Casares na universidade comezou en 1840 cando foi nomeado profesor substituto da acabada de crer cátedra de Historia Natural. Este nomeamento tiña moito que ver co perfil que se pretendía para ese cargo académico. En efecto, buscábase unha persoa que atendese tanto os aspectos prácticos como os contidos teóricos. Axiña o nome de Casares foi proposto pola comisión de Catedráticos[21] creada a tal efecto tendo en conta a súa valía intelectual[22] e tamén pola seu recoñecida fama como coleccionista científico. Esta faceta experimental fai que de inmediato e en colaboración con Sebastián Suárez Silva, decano da Facultade de Medicina, elaboren un informe onde recollen tódalas necesidades materiais para o desenvolvemento da cátedra de Historia Natural. Cabe destacar a petición dun xardín botánico. Así comézase a formación do Gabinete de Historia Natural no que as doazóns privadas xogarán un papel preponderante. Nese informe tomábase en conta a necesidade de utilizar os xardíns privados para o ensino da Botánica, así como das distintas especies vexetais que medraban na cidade e nos arredores. Mesmo facían a proposta de que os estudiantes aproveitasen o verán para recoller exemplares, coñecendo así as especies do seu país e aumentándose deste xeito os fondos do Gabinete.

Casares comezou a formación dun herbario, depositou parte da súa colección de minerais, e reuniu o material disperso e sen catalogar existente na Universidade[23] que consistía basicamente en elementos de zooloxía. O 31 de Maio de 1841, Casares asinaba o primeiro catálogo coñecido dos exemplares zoolóxicos do Gabinete de Historia Natural.

Ademais, concedíalle un papel esencial no ensino da materia, identificando como símbolo do avance educativo:

“… cotégese el aspecto que tiene esta escuela con el que presentaba entonces (hace diez años), y dígase si las colecciones numerosas de mineralogía, de geología … no son una evidente prueba de los adelantos que se hacen y del impulso que ha dado a la instrucción pública…”[24]

O programa para a cátedra de Historia Natural tiña un compoñente práctico fundamental a pesar dos escasos fondos do que dispoñía o Gabinete. Mesmo o profesor Casares tivo que mercar, antes da chegada da colección completa de Haüy, un pequeno conxunto de modelos cristalográficos para poder abordar os aspectos prácticos da nova materia.[25]

Tamén tivo que compensar con outras medidas a xa mencionada falta de exemplares do Gabinete coas súa propias achegas debidas en grande medida a súas propias investigacións en Xeoloxía.

En 1847, dous anos despois de obter a cátedra de Química Xeral, Casares abandonaría á de Historia Natural.


Casares e outros gabinetes da Universidade de Santiago.

Na Universidade de Santiago nace o século XIX coa expectativa da posta a punto do ensino experimental no que se refire no nacemento e desenvolvemento da Ciencia en xeral e na Física en particular. O ensino experimental é consecuencia dos debates entre “tomistas” y “novatores” realizados no claustro de profesores a finais do século XVIII[26].

Dado que Antonio Casares foi o primeiro catedrático de Química Xeral da Universidade de Santiago, tivo unha gran importancia en moitas das instalacións relacionadas coa investigación científica[27]. Hai que destacar así a consolidación do antigo Gabinete de Física a creación do laboratorio de Química e a dotación do instrumental básico da Facultade de Farmacia. Todo isto xerou un importante patrimonio histórico-científico que en boa parte se atopa aínda hoxe en distintas dependencias da Universidade de Santiago.

O Gabinete de Física[28],, que fora creado en 1816, presentaba un gran deterioro o que fixo que Casares elaborara xa, a petición do rector, un informe en 1838 no que se solicitaba que se procedera á reparación dunha serie de instrumentos.

En 1845, asesora ó rector Juan José Viñas para a compra en París de material para os gabinetes de Física e Química, ademais de para o de Historia Natural, e faise cargo da recepción do instrumental mercado, tamén en París, para as universidades españolas por decisión de Gil de Zárate que era Director Xeral de Instrucción Pública. Lémbrese que, como xa indicamos, anos despois Casares daríalle o nome de “zaratita” a un dos minerais descubertos no Cabo Ortegal.

A grande calidade destes gabinetes, nos que Casares tivo tanta relevancia na súa posta a punto, queda manifestada polas palabras do eminente químico lucense Xosé Rodríguez Mourelo, cando escribe [29]:

“El último día del mes de Setiembre de 1871 entré, por primera vez, en la Universidad de Santiago; eran los principios de la educación científica los que allí debía recibir, y nunca expresaré, en la medida del deseo, el agradecimiento y el cariño que á aquella docta Escuela profeso. Tenía vaga idea de lo que es un edificio consagrado á la Enseñanza Superior, y mi asombro no reconocía límite al contemplar las riquezas delos Gabinetes de Física y Mineralogía… ”

Outro gabinete no que a pegada de Casares foi determinante o Gabinete de Física e Química do Instituto Xelmírez I de Santiago[30] [31]. Hai que ter en conta este instituto funcionaba regularmente xa en 1847, xunto cos institutos de Lugo-Monforte, Ourense e Pontevedra. Pero o de Santiago fora creado como Instituto universitario, vencellado intimamente a USC. Todos estes centros estaban obrigados polo Plano Pidal a realizar un ensino experimental das Ciencias e de aí a importancia que estes gabinetes foron acadando partrimonialmente co paso dos anos.

Casares e as Academias da Universidade de Santiago de Compostela.

As academias literarias ou escolares foron creadas a finais do S.XVIII no seo dalgunhas facultades universitarias. Hai que indicar que o nacemento destas academias, e en xeral as denominadas como “academias ilustradas” nacen en Galicia máis interesadas no desenvolvemento económico que no científico ou educativo[32].

Compre sinalar aquí un tipo de institución que aínda que non entra estrictamente no grupo das academias xogou un papel moi importante no seu tempo, e como xa vimos tivo unha forte relación con Casares. Trátase das Sociedades Económicas de Amigos do País. A de Santiago foi fundada en 1784, e como sinala Diaz-Fierros[33]:

“alentaba un ambiente certamente próximo ó das academias científicas da época, e os intelectuais que nelas se axuntaban levaban, polo menos, unha aceptación afervoada do práctico, da ciencia empírica, da técnica e da natureza”.

Na Facultade de Filosofía establecéronse as chamadas “academia da sección de ciencias” e “academia da sección de letras”, que desenvolveron unha notable actividade científica e educadora a mediados do S.XIX. A primeira estaba destinada ós alumnos do curso preparatorio para as carreiras de Medicina e Farmacia, mentres que a segunda estaba orientadas para o que desexaban cursar Teoloxía ou Xurisprudencia.

A academia da sección de ciencias foi presidida por Casares no período comprendido entre o 28 de outubro de 1848 e o 6 de abril de 1850, e paga a pena considerar o programa da academia impartido na área de Física e Química naquela época para comprobar a importancia educativa desta academia:

FÍSICA E QUÍMICA

- Electricidade desenvolvida polo contacto: explicación dalgunha pila Volta. Fenómenos físico-químicos que poden producirse pola pila. Aplicacións.

- Principais efectos que o calórico produce nos corpos. Orixe e fontes do calórico. Causas ás que se atribúe o desprendemento da calor na combustión. Métodos principias de producir grandes elevacións de temperatura.

- Teoría dos números proporcionais. Usos e avantaxes. Proporcións químicas.

- Combustión. Importancia do seu estudio. Teoría de Stahl ou do floxisto, de Lavoisier e electroquímica para explicar combustión.

- O carbono e os compostos que forma con osíxeno.

- Aire atmosférico. Propiedades físicas e composición.

- Descrición das propiedades e métodos para obter elementos gasosos, e os compostos gasosos que se coñecen do carbono, xofre e nitróxeno.

- Preparación e propiedades dos ácidos osixenados máis importantes formados polo xofre, o fósforo, o arsénico, o nitróxeno, o silicio e o boro.

- Definición e composición das sales, acción que sobre elas exercen o calórico e a auga, os óxidos e os ácidos. Acción dunhas sales sobre outras.

- Propiedades físicas e químicas dos metais, bases que Thenard[34] tivo presentes para a súa clasificación. Estado no que se atopan os metais na natureza. Práctica: recoñecemento de metais.

- Cloro e ácido clorhídrico. Práctica: recoñecemento dalgúns gases.

- Carácteres dos metais da primeira sección e das súas sales. Propiedades da potasa, e do carbonato e do nitrato de potasa. Aplicacións. Práctica: recoñecemento das sales dos metais da primeira sección.

- Metais da terceira sección. Propiedades das súas sales. Extracción do zinc, ferro e estaño. Recoñecemento das súas sales.

- Da afinidade e das causas que a modifican, da combinación e da nomenclatura química.

- Combustión e teorías para explicala. A electricidade e a súa distribución nos corpos da natureza.

- Auga. A súa composición e distintos estados nos que se atopa na natureza.

- Familia dos sulfúridos e as súas principais especies.

- Carácteres dos carbonatos e dos nitratos, e recoñecemento dalgunha destas sales.

- Propiedades xerais dos sulfatos.

- O ácido acético.

- O alcohol.

- Materias colorantes, propiedades e preparación do índigo.

- Ácido nítrico, sulfúrico e hidroclórico.

A duración das sesións da academia era dunha hora e media e o profesor actuaba como guía nunha dinámica de forte participación do alumnado. Hai un marcado predominio dos aspectos prácticos e supoñían para os alumnos de preparatoria a única oportunidade para recibiren unha preparación científica de carácter xeral durante a súa carreira pois estas desaparecerían do currículo a partir de 1849[35].

Entre os anos 1847 e 1850 desenvolveu as súas actividades a Academia Médica de Emulación da universidade de Santiago[36]. A presencia de Casares foi determinante no seu funcionamento e isto manifesta claramente o seu prestixio pois naquela época non era médico (Casares lograría a licenciatura en Medicina en 1872). Falaremos a continuación da súa relación coa Medicina.

Casares e a Facultade de Medicina.

Na facultade de Medicina, Casares mantivo unha estreita relación tanto cos profesores máis veteranos como Varela de Montes[37], Magaz y Jaime e Maximino Teixeiro[38] , como cos da súa xeración: Vicente Guarnerio, José González Olivares ou Andrés de La Orden[39]. Pódese ben dicir, sen pecar de exceso, que a súa presencia na nacente “Escola Médica Compostelá”[40] foi decisiva para os niveis de calidade que acadaría no futuro, e século e medio despois os nomes de dous dos seus máis ilustres compoñentes volven a aparecer xuntos cando a Xunta de Galicia institúe os Premios Galicia de Investigación[41]. Así, establécese que o Premio de Investigación Científico-Técnica leve o nome de Antonio Casares, e o Premio de Investigación Sanitaria o de Xosé Varela de Montes.

A presencia de Casares foi definitiva para que a experimentación fora abríndose camiño nuns estudios que contiñan aínda un marcado acento teórico. Mesmo Varela de Montes, considerado o pai da escola médica compostelá, tiña moito de “sanador socrático” por medio da palabra e moi pouco de científico experimental.[42]

Merece moi especial consideración o feito de que soamente 34 días despois de que o escocés James Young Simpson utilizase o 16 de novembro de 1847 o cloroformo como anestésico, en Santiago os doutores Guarnerio e Olivares comezaron tamén a utilizalo para tal fin[43]. Tratábase dun cloroformo preparado por Casares -igual que o éter-, posiblemente a partir do método seguido por Souberian no seu libro·”Traité de Farmacie teorique e practique” que tan ben coñecía.

Segue a haber controversia[44] sobre se foi Santiago ou Barcelona onde tal uso foi realizado por primeira vez en España, pero en calquera caso quedan de sobra patente dúas das máis salientables calidades de Casares: o seu coñecemento nas últimas investigacións nos campos do seu interese, e o seu marcado interese por unha ciencia con clara vocación práctica.

Xa se indicou a súa valiosa participación nas actividades da Academia Médica de Emulación, publicando diversos traballos na súa revista. De moita importancia son os dedicados á toxicoloxía da que Casares sería un gran defensor e impulsor. Destaca o traballo de 1848 titulado “Observaciones toxicológicas”, e froito dese interese por este tema é a súa traducción do “Traité de Chimie legale” que era o mellor texto de medicina legal do momento, pero tamén do coñecemento que tiña da obra de Mateo Orfila[45]. Non hai dúbida de que Juan Magaz y Jaime (1823-1901), que acabaría sendo un referente neste campo[46], sendo catedrático de Fisioloxía da Universidade de Madrid, tivo que ter sido moi influenciado por Casares cando Magaz foi catedrático na Facultade de Medicina de Santiago.

Pero tamén publicou noutras revistas médicas e farmacéuticas traballos relacionados directamente coa aplicación química na resolución de problemas de carácter sanitario, como os dedicados ós estudios sobre diferentes anestésicos, como combater a tise, e que aparecían en revistas como Revista Médica, Revista de Ciencias Médicas ou El Restaurador Farmacéutico. Neste punto hai que sinalar de forma especial o xa mencionado traballo publicado en 1834 con Xosé Fariña “Memorias sobre la utilidad del uso de las fumigaciones cloruradas como preservativas del cólera-morbo, apoyadas en razones químico-médicas”[47].

Outro campo que foi obxecto do seu interese foi o da fisioloxía e nutrición, que procede dos coñecementos que Casares obtén do libro de Química Orgánica de Liebig. O resultado deste interese verase plasmado no seu Manual de Química Xeral e en diferentes artigos que aparecerán na Revista Médica da Academia de Emulación. Hai que salientar os artigos que sobre nutrición publico una Revista Médica, co fin de provocar discusión entre os médicos, emitindo conclusións persoais baseadas na experimentación aplicada da Química ós alimentos. Así, Casares vaise converter no principal animador do uso das ciencias naturais na medicina, de xeito interdisciplinario, adiantándose en moito tempo ó concepto biomédico.[48]

Finalmente, hai que destacar outra das áreas relacionada coa saúde na que Casares foi unha autoridade. Trátase da análise química das augas. Non podemos deixar de sinalar aquí que ademais de Bedoya e Oxea, xa citados con anterioridade, foi o químico ourensán Gabriel Fernández Taboada (1776-1841), no seu conflictivo paso pola universidade compostelá[49], outro importante estudioso sobre as augas mineromedicinais de Galicia.

No epígrafe dedicado as publicacións de Casares quedan reflectidos o seus traballos nesta área, nos que aplicou todo tipo de técnicas analíticas entre as que destaca a espectroscopía, da que como xa se ten dito foi pioneiro en España.

Casares e a primeira luz eléctrica.

A noite do 2 de abril de 1851, Antonio Casares iluminaba con luz eléctrica o claustro do edificio da Universidade de Santiago -hoxe Facultade de Xeografía e Historia- a través un arco voltaico, sendo a primeira vez que a luz eléctrica iluminaba a noite en España. Armando Cotarelo Valledor[50] puxo, na súa novela “A chispa máxica”, en boca dun bibliotecario da universidade compostelá a coñecida frase,

A noite foi varrida da Terra”.

Esta frase sería no ano 2001 o título dunha celebrada exposición[51] que rememorou o 150 aniversario daquel feito.

A historia da producción de luz eléctrica vai directamente ligada, nos seus principios, ó desenvolvemento das pilas coas que se comezaron a xerar os primeiros arcos voltaicos[52]. Pouco despois de que en 1843 aparecera a pila Bunsen, o físico francés Jean Bernard Léon Foucault (coa axuda de Duboscq) desenvolve e constrúe un arco baseado no uso de grafito como barras do dispositivo regulables, o que permite que sexa realmente utilizable[53]. Para evitar que as barras se separasen segundo se consumían combustionando a tan a alta temperatura, estes dous científicos empregan barras máis longas que suxeitas a un mecanismo de reloxería a mantén á distancia constante. Casares debeu coñecer a Foucault nalgunha das súas viaxes a París, establecendo coñecemento destes avances.

Isto permitiulle investigar neste campo ata lograr o funcionamento do arco voltaico no patio da Facultade de Ciencias no Colexio de Fonseca. A presentación social deste experimento foi realizado, o segundo día do mes de Abril de 1851, nun ala do paraninfo do edificio da Universidade -na actual facultade de Xeografía e Historia-. Casares colocou o seu arco voltaico alimentado por cincuenta elementos de pilas Bunsen unidas por fíos de cobre, lográndose así unha diferencia de potencial de 90 voltios. O xornal “El Eco de Galicia”[54] días despois recollía a noticia coas seguintes palabras:

“…durante dos horas lució la brillante luz en presencia de varios profesores y un número crecido de alumnos que han tenido la satisfacción de ver uno de los más hermosos fenómenos eléctricos”.

Neta mesma noticia, o cronista facía énfase da excelente dotación experimental que tiña o Gabinete da Universidade, e no que Casares tanto tiña que ver.

Neste mesmo xornal así como noutros, como “El Restaurador Farmacéutico” [55], un ano despois, destácase esta experiencia como a primeira realizada en España.

Casares e os seus discípulos.

Outra maneira de remarcar a talla investigadora e docente do personaxe é a través dos que foron colaboradores e discípulos del.

As calidades docentes e investigadoras de Casares atraía a atención no soamente dos seus alumnos senón tamén doutros colegas da universidade. Así fixo que moitos dos seus alumnos acabasen sendo científicos de enorme prestixio en diferentes universidades.

Profesores como Augusto González Linares, Laureano Calderón Arana ou Xosé Ramón Luanco[56] comezaron a traballar e mesmo se formaron con el como xa foi citado nun epígrafe anterior.

Augusto González Liñares, titular de Historia Natural, foi un dos primeiros defensores na universidade da teoría evolutiva de Darwin (o que lle acabaría producindo graves problemas como xa foi comentado) e un dos fundadores da Institución Libre de Enseñanza. Laureano Calderón, formouse con Casares na investigación de modelos cristalográficos de Haüy[57], e foi o introductor das Química Biolóxica na universidade española. Xosé Ramón Luanco, químico, foi decano da Facultade de Ciencias e rector da Universidade de Barcelona, sendo un gran pedagogo e didacta, publicando varios libros de historia da ciencia[58].

Como alumnos hai que sinalar a Xosé Rodríguez Carracido, Xosé Rodríguez Mourelo, Francisco Quiroga e os seus fillos Demetrio, Xosé e Antonio.

Todos eles levaron a pegada do mestre destacando grandemente nas súas respectivas especialidades[59].

A modo brevísimo de lembranza dos discípulos antes citados, e deixando aparte a súa recoñecida valía nas áreas da docencia e investigación, sinalemos aqueles aspectos nos que o interese pola divulgación e a mellora docente que tanto amaba Casares quedan reflectidos. Rodríguez Carracido destacou pola súa participación na creación da Real Sociedade de Física e Química e no nacemento da Asociación Española para el Progreso de Las Ciencias. Rodríguez Mourelo, vencellado á Institución Libre de Enseñanza (ILE), destacou polas súas ideas positivistas e xunto con Carracido creou a revista Novidades Científicas. Francisco Quiroga[60], un dos mellores naturalistas españois do S.XIX, destacando en petroloxía e mineraloxía, foi tamén unha figura destacada na ILE, ata a súa morte.

Respecto dos seus fillos Demetrio, Antonio e Xosé hai que dicir que foron figuras sobranceiras nos seus campos de actividade. O primeiro como catedrático de Farmacia en Granada, o segundo na Botánica e en particular na área das briófitas, e o terceiro, unha figura excepcional na química farmacéutica española do século XX[61].

Xa nun punto anterior quedou apuntada a súa colaboración cos profesores da Facultade de Medicina, e as notables contribución nesa área.



[1] Para máis información ver FRAGA, X.A., SISTO, R. (coords) “Diccionario…”, op.cit., pp.99-101.

[2] BUGALLO A et al., op.cit. p149.

[3] BERMEJO PATIÑO, M.R.(1986). “Antonio Casares Rodríguez”. op.cit., p.12.

[4] A morenosita é NiSO4·7H2O e aparece en forma de eflorescencias verdes en cristais aciculares sobre minerais de niquel e o seu nome deriva do mineraloxista español M. Moreno. Non obstante, hai que indicar aquí que non temos atopado información sobre este mineraloxista, nin sequera postos en contacto co Instituto Geológico y Minero de España, e sen embargo sabemos que un dos mestres de Casares en Madrid foi D. Antonio Moreno y Ruíz, Farmacéutico y Catedrático del Colegio de Farmacia, polo que xurden dúbidas sobre a quen realmente lle dedica o nome deste novo mineral.

[5] A zaratita é Ni3[(OH)4CO3]·4H2O , e trátase tamén dun producto da alteración doutros minerais de niquel. Casares púxolle o nome en honra de Antonio Gil de Zárate (1793-1861), político, educador e dramaturgo español, figura relevante da Administración educativa española. En diversos libros indícase como localidade tipo deste mineral Texas, Lancaster, Pennsylvania, (EEUU). Sen embargo, o seu descubrimento nesta localidade, e o nome tesaxita, que deriva dela, datan de 1853, e polo tanto posteriores ó achadego de Casares.

[6] MARTÍNEZ ALCÍBAR, A (1850). “Raro e importante mineral de Niquel”. Revista Minera, Tomo I, , pp.302-306. Tomado de http://idd01yq8.eresmas.net/Fitxes/Textos/Arxius/mineralogia.htm (con acceso o 02-05-05).

[7] MARTINEZ ALCÍBAR, A.(1851). “Sobre el mineral de nickel de Galicia, con algunas consideraciones sobre el polimorfismo del sulfato de Ni y de otras sustancias.” Revista Minera, Tomo 2, pp.175-184.

[8] Información aportado por Ángel Paradas Herrero, Conservador de mineraloxía. Museo Xeominero. Instituto Xeológico e Mineiro de España (Madrid).

[9] ANGEL LA IGLESIA é investigador no Departamento de Petroloxía Aplicada do Instituto de Xeoloxía Económica, un organismo mixto do Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e a Universidade Complutense de Madrid.

[10] LA IGLESIA FERNÁNDEZ, A. (2004)."Desde andalucita a zincosita: un recorrido por los minerales descubiertos en España" Estudios Geol. 60: pp.3-10.

[11] Para más información sobre esta cuestión ver CEBRIÁN FRANCO, J.J., no portal da Archidiócese de Santiago (http://www.archicompostela.org) en Publicaciones>Articulos>Prisciliano y Santiago.

[12] Francisco de Neira estivo becado en París, Londres e Edimburgo (1774-1778, e 1787), sendo os seus temas de foramción: Física Experimental, Anatomía, Química e Botánica.

[13] SANCHEZ-MOSCOSO, A.(1971). “JOSE RODRIGUEZ CARRACIDO” Tesis Doctoral da Facultade de Farmacia - Madrid - Cátedra de Historia.

[14] BUGALLO RODRÍGUEZ, Ánxela (1998): “Formación e uso dos gabinetes de Historia Natural no ensino público en Galicia, no século XIX”, Tese de Doutoramento, USC (Fac. de Ciencias Biolóxicas)., pp. 185-195.

[15] Casares sentía devoción por Lavoisier como se pode ver na última edición do seu Manual de Química Xeral, cando escribe no seu prólogo:

La Quimica se halla en un período de transición, diariamente se enriquece con nuevos hechos, alguno de los cuales parece que tienden a combatir parte de las leyes establecidas. Falta un genio poderoso, como Lavoisier, que los interprete …”.

Tomado de CASARES, A. (1880). “Manual de Química General”. Madrid., p 1.

[16] Así no prólogo da súa traducción da obra de Soubeiran, escribe:

“Por mi parte, al traducir este Tratado de Farmacia, he procurado hacerle más completo, añadiendo algunas fórmulas y varios procedimientos recomendados por autores de de conocido mérito, y que he entresacado de diferentes obras y periódicos nacionales y extranjeros; y alguna vez me he atrevido también a poner el resultado de mi práctica y de mis investigaciones.”.

Tomado de SOUBEIRAN, E. (1847). “Tratado de Farmacia”. Libro 1 e 2. Traducido de la tercera y última edición por D. Antonio Casares. Madrid., p 6.

[17] BERMEJO PATIÑO, M.R.(1986). “Antonio Casares Rodríguez”. op.cit., p.13.

[18] Citado en BERMEJO PATIÑO, M.R.(1986). “Antonio Casares Rodríguez”. op.cit., p.16.

[19] GURRIARAN RODRIGUEZ, R., op.cit. p.26.

[20] A relación entre Casares eo gabinete de Historia Natural ten sido recollido amplamente por Anxela Bugallo Rodríguez en “Formación e uso dos gabinetes de Historia Natural no ensino público en Galicia no século XIX”. Servicio de publicaciones da USC. 1998, pp 285-297.

[21] BUGALLO RODRÍGUEZ, A. op. Cit. p.47.

[22] Xa era nese momento Doutor en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago e Licenciado en Farmacia polo Colexio de San Fernando de Madrid, e catedrático na Escola de Artes creada pola Sociedade Económica de Amigos del País.

[23] Xa foi referido con anterioridade que o matemático Xosé Rodríguez mercara en Francia material experimental para a Universidade a principios do século XIX.

[24] Oración inaugural leída en la Universidad de Santiago en la solemne apertura del curso académico 1850 a 1851 por el doctor Antonio Casares. Santiago. Impreso de orden de la Universidad,1850, p.29.

[25] BUGALLO RODRÍGUEZ, A., op.cit. p76.

[26] BERMEJO PATIÑO, M.R., (2001). “Antonio Casares e a Física na USC” en A NOITE ESTÁ VARRIDA DA TERRA. Ed. USC, Consello da Cultura Galega e Unión Fenosa, Santiago.

[27] BUGALLO A et al., op.cit. p148.

[28] SISTO EDREIRA, R. (1995). ”O Gabinete de Física”. En Gallaecia Fulget: Cinco Séculos de Historia Universitaria. Universidade de Santiago de Compostela.

[29] RODRIGUEZ MOURELO, J “Historia, progresos y estado actual de las ciencias naturales en España”. Biblioteca Digital del Ateneo: Libros y folletos.

www.ateneodemadrid.com/biblioteca_ digital/LibrosFolletos.htm (Con acceso o 12-05-05).

[30] SISTO EDREIRA, R.(1997) “O Patrimonio Histórico-Científico do Instituto Xelmirez I”.

[31] BUGALLO RODRÍGUEZ, A. (1998): “Formación e uso dos gabinetes de Historia Natural no ensino público en Galicia, no século XIX”, Tese de Doutoramento, USC (Fac. de Ciencias Biolóxicas)

[32] SISTO EDREIRA, R. (1998). “As Academias literarias da Universidade de Santiago e a Academia médica de Emulación no período1847-1850”. Sarmiento, Anuario Galego de Historia da Educación, 2, p.128.

[33] DIAZ-FIERROS, F. (1973). “Comezos da ciencia moderna na Universiade Compostelana”, Compostellanum, XVI, 1-4,, p.401. Cita referida en SISTO EDREIRA, R. “As Academias literarias…” op.cit., pp. 129-130.

[34] Louis-Jacques Thenard (1777-1857). Químico francés, autor de un influínte manual de Química teórica e práctica (1813-16).

[35] SISTO EDREIRA, R. “As Academias literarias da Universidade de Santiago…”., op. cit., p.138.

[36] Ibid., pp-141-152.

[37] Varela de Montes xunto con Nóvoa Santos foron autores dun tratado de patoloxía xeral considerado como fundamental na docencia da medicina durante o S.XIX.

[38] Teixeiro é un dos mellores representantes do positivismo científico no campo da medicina de mediados do século XIX, o que explica a súa tan boa relación con Casares, do que ademáis era cuñado.

[39] BERMEJO, M.R. et al (1998). “Antonio Casares: un químico na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago”. XI Congreso Nacional de Historia de la Medicina. Santiago.

[40] Hai algúns expertos na historia da universidade compostelana, que entenden que falar de “Escola Médica Compostelana”, é unha especie de licencia histórica esaxerada.

[41] Decreto 202/1998, de 25 de xuño -DOG de 8 de xullo.

[42] BERMEJO PATIÑO, M.R. et al.(1997).“V séculos de ciencia na USC”. Boletín das Ciencias, 29, p.69.

[43] Tomado de GURRIARAN RODRIGUEZ, R. (2003). Op.cit., p.263: Casares e Olivares experimentarían e ensaiarían clinicamente o uso do éter sulfúrico en febreiro de 1847, poucos días despois de que se efectuaran as primeiras probas deste anestésico en España. En canto ao cloroformo, Casares obteríao no seu laboratorio, logo de ser un dos primeiros en se enterar do seu descubrimento aplicado á cirurxía. Experimentaría o anestésico nun can dogo, en presencia de Guarnerio, Olivares, Laorden, Larriba, e Fontán; e, logo, nel mesmo. O cloroformo se empregara por primeira vez por Simpson, en novembro de 1847, e un mes e medio máis tarde en Santiago. Da man de Casares levaríase a cabo a súa utilización clínica, unha vez obtivera este composto no laboratorio da Universidade, e autoexperimentara os seus efectos. Por medio de Guarnerio e Laorden sería utilizado en diferentes operacións o 20 de decembro de 1847. Os seus ensaios, tanto en pacientes como en animais, serían publicados nas revistas científicas nun total de 8 artigos no mes que sigue á primeira operación (ver CORTÉS J., et ai, 1998: “Historia de la introducción de la anestesia clorofórmica en Santiago de Compostela”, Actualizaciones en Anestesiología y Reanimación, Vol. 8, nº 2, páxs. 64-68; neste traballo, os autores formulan a hipótese de que a primeira operación con cloroformo en Santiago, puidese ser antes da data citada.”

[44] Franco Grande, A. (1991). “The first operations performed with chloroform in Spain. More facts and new contributions” Rev Esp Anestesiol Reanim. May-Jun;38(3),pp.182-8.

[45] Mateu Orfila (1787-1853), aínda que naceu en Mahón, desenvolveu toda a súa vida científica en París. Escribíu varios libros, e entre eles o famoso “Leçons de Médicine Legale”, texto de referencia durante moitos anos e polo que é considerado o pai da toxicoloxía.

[46] Ver por exemplo, MAGAZ Y JAIME, J.(1855). “Descripción de un nuevo aparato para descubrir el Arsénico en todas las sustancias que lo contienen, sin ninguno de los incovenientes que presentan los procedimientos seguidos hasta el día”. Barcelona, Imprenta e Librería Politécnica de Tomás Gorchs.

[47] Este non éra un asunto menor pois en Galicia houbo diferentes episodios próximos a epidemias durante o século XIX, a maioría de cólera ou tifus. En particular houbo un episodio moi importante de “cólera morbo” padecida na cidade de A Coruña en 1854, que afectaría tamén a outras poboaciones galegas entre 1853 e 1855.

[48] GARRIDO GARCÍA, Gustavo, 1990: “Antonio Casares Rodrigo: Sobre nutrición. Noticia de nove artículos aparecidos na Revista Médica no bienio 1848-49”, en Ingenium, nº 2; páx. 76) citado en GURRIARAN RODRIGUEZ, R. (2003). Op.cit., p.266.

[49] BERMEJO PATIÑO, M.R. (1999). “Os primeiros pasos da Química…” ., op.cit. p.422.

[50] COTARELO VALLEDOR A.(1923). “La chispa mágica”·. Tip. El eco de Santiago.

[51] Esta exposición foi organizada pola sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade do Consello da Cultura Galega ca axuda da USC e Unión FENOSA, sendo publicado un excelente libro-catálogo sobre a mesma.

[52]Para ter unha información máis completa pódese ler a SISTO EDREIRA, R. (2001) “A primeira luz eléctrica brilla en Compostela”·. Libro-Catálogo da Exposición “A noite varrida da Terra”. Ed. USC, Consello da Cultura Galega e Unión Fenosa, Santiago,pp.17-22.

[53]CRÓNICA DE LA TÉCNICA (1992). Plaza y Janés Editores. Edición especial para Diario 16. , p.312.

[54]El Eco de Galicia, nº3, 6 de abril de 1851.

[55]El Restaurador Farmacéutico, nº 29, de 29 de febreiro de 1852.

[56]Augusto Gonzalez Linares e Laureano Calderón Arana foron profesores de Historia Natural e de Química Orgánica en Farmacia, respectivamente.

[57]Ademáis marcharía a Alemaña para especializarse con Paul von Groth que era o mellor experto en cristalografía da época

[58]BERMEJO PATIÑO, M.R. et al.(1997).“V séculos de ciencia na USC”.,op.cit. p.73.

[59]BERMEJO PATIÑO, M.R., RODRÍGUEZ, X.A. (1997). “Antonio Casares: a súa contribución á ciencia”. Actas V Simposio de Historia e Ensino das Ciencias. E. O Castro.A Coruña p.525.

[60]Francisco Quiroga (1853-1894), foi ademáis o primeiro catedrático de Cristalografía de Europa.

[61]Unha información detallada sobre a descendencia de Casares pódese atopar en GURRIARAN RODRIGUEZ, R. (2003). Op.cit., p.127 e seguintes, no epígrafe titulado “A saga dos Casares”.